Thursday 09 de May de 2024

Ordes pon en valor a ruta de sendeirismo de San Paio Buscás-Poulo de 7,2 qm.


 

Ademais de elaborar un folleto explicativo instaláronse paneis e postes informativos ao longo do traxecto e habilitouse unha praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, entre outras novidades.

O Concello de Ordes anima a todos os veciños e veciñas e ás persoas que gusten de camiñar e facer sendeirismo a percorrer a ruta San Paio Buscás-Poulo.

Recentemente remataron as tarefas de resinalización levadas a cabo ao longo do trazado de 7,20 quilómetros, así como do estudo de definición da ruta e do sendeiro por parte dunha empresa especializada. Un traballo realizado en gran medida grazas a financiación da Dirección de Turismo de Galicia. O importe total da actuación ascendeu a 12.458,21 euros.

Ao tratarse dunha ruta circular instalouse un panel informativo no punto de inicio e final, cuxo contido axústase ás exixencias da normativa vixente. Os sendeiristas poderán acceder a través dun código QR a información de interese e a un inventario de facilidades, existentes ao longo de todo o percorrido, debidamente xeoreferenciadas. No trazado tamén se instalaron postes de seguimento construídos en madeira de piñeiro nos que se indican tanto os recursos turísticos como os lugares de interese patrimonial, natural ou histórico-artístico.

Sendeiro amable.
“Trátase dunha ruta que ofrece todas as garantías para poder completarse sen ningún problema ou sobreesforzo”, asegura Patricia Fernández, experta na materia e coordinadora do estudo levado a cabo. “Pódese definir como unha ruta amable de facer, na que apenas hai treitos con asfalto e pendentes”.

Pero a ruta San Paio Buscás-Poulo ten outros valores engadidos que, como non podía ser doutra maneira, aparecen no folleto explicativo elaborado baixo as directrices do Manual de Sendeiros da Federación Galega de Montañismo. Estes son, por citar algúns exemplos, o tramo compartido co Camiño Inglés, a igrexa de orixe románica de San Paio de Buscás ou a de San Xiao de Poulo. Tamén as aldeas tradicionais de Pardiñas ou O Outeiro, o castro de Pardiñas ou o muíño de Vilariño, entre outros moitos valores arquitectónicos, etnográficos e paisaxísticos máis que destacables.

Outra das vantaxes destacadas desta ruta é que engarzan con dous establecementos de turismo rural de gran calidade. Trátase da casa rural Dona María (Buscás) e a de Antón Veiras (Poulo). Sen dúbida un gran revulsivo para quen aposte por esta alternativa de fin de semana e queira pasar a noite no termo municipal, á par que goza da boa mesa tradicional.

O folleto conta tamén con planos e mapas da zona onde están perfectamente sinalizados todos estes elementos e puntos de interese, así como datos referentes ás coordenadas e xeolocalizacións ou ao perfil do sendeiro. Tamén figuran os do Método de Información de Excursións (MIDE) no que, entre outros aspectos, estipula en dúas horas o tempo medio necesario para ser completado o itinerario.

Coa finalidade de aproximarse o máximo posible á Lei de Accesibilidade de Galicia habilitouse unha praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida no lugar de A Rúa, na praza de acceso ao local social de Buscás. A anchura mínima do percorrido e dos puntos de cambio de sentido compren co esixido no caso de precisar cadeira de rodas. Ademais os pavimentos combinan tramos de asfalto, terra compactada e grixo. Aínda así advírtese da existencia de tramos nos que a mobilidade con este tipo de elementos ortopédicos pode resultar dificultosa.

Homologación pendente.
Debido ao recente cambio da normativa vixente a ruta San Paio Buscás-Poulo non conta a día de hoxe coa homologación por parte da Federación Galega de Montañismo. “Unha situación que esperamos non vai tardar moito en mudar debido á gran cantidade de queixas que lles están chegando de distintos sitios debido a estes cambios”, asegura Patricia Fernández.

O principal escollo co que se atopa é a limitación nun 30% de vías agrarias ou pecuarias pola que pode transcorrer, e que no caso da ruta ordense se supera ao coincidir o trazado con zonas de concentración parcelaria.